Thursday 25 de April de 2024

A Coruña, escenario estrela da curtametraxe tributo a Alfred Hitchcock que se estrea hoxe en Medina del Campo


Esta experiencia gráfica de alta calidade, patrocinada polo Concello da Coruña estréase hoxe na localidade vallisoletana

“A historia mostra A Coruña coma unha cidade plató”, aseguran os autores de ‘Balle Voyage’

A Coruña é o escenario da curtametraxe “Balle Voyage”, unha historia gráfica de alta calidade que se estrea hoxe no Festival de Medina del Campo.

O ascensor panorámico do Monte de San Pedro é a localización estrela elixida pola produtora coruñesa Estudo Momento para crear esta experiencia audiovisual que mestura a historia do cinema, as paisaxes da cidade herculina, deseño, música e moda. “Cando iniciamos esta aventura propuxémonos mostrar A Coruña coma unha cidade plató”, expresa Iria Ares, directora da curtametraxe, producida por Xoán Carlos Mejuto, e patrocinada polo Concello da Coruña, a través do convenio anual da Deputación da Coruña co Consorcio de Turismo e Congresos da cidade.
“É posible facer unha homenaxe a Hichcock desde A Coruña?”, preguntou a produtora para dar vida a este tributo ao xenio do cinema de suspense. A historia comeza coa aparición dun cadáver no elevador do Monte de San Pedro, un ascensor en forma de esfera envidrada que alcanza unha altura de cen metros desde o Paseo Marítimo. Ao longo da curtametraxe sucédense varias panorámicas da cidade, con vistas aéreas; unha curta que hoxe empeza o seu camiño e que poderá verse en festivais de cinema internacionais.

Á estrea de hoxe en Medina del Campo asiste o xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Moisés Jorge Naranjo.“É unha boa oportunidade para dar a coñecer a cidade en festivais de cinema, aproveitando a internacionalización do destino, un dos principais obxectivos do Goberno de Inés Rey”, apuntan desde o Consorcio.

A historia de “Balle Voyage” leva o público ao antigo Hollywood, cun deseño gráfico ao estilo Saul Bass, autor dos carteis máis icónicos da historia do cinema. “A Coruña loce coma nunca nesta historia. A contorna rochosa e as construcións da zona do Monte de San Pedro lembran á mítica Vandamm House que se alzaba no Monte Rushmore en ‘Coa morte nos talóns’, deseñada polo arquitecto Frank Lloyd Wright”, describe a produtora. Neste proxecto colabora tamén A Embaixada de España en Francia e Galicia Calidade. A moda, coas creacións do deseñador galego de alta costura Roberto Diz, e a música do compositor Manu Riveiro, que lle rende ás bandas sonoras de Bernard Herrmann, coa interpretación da Orquestra Sinfónica de Galicia, son outros dos piares desta curtametraxe, un produto audiovisual creativo que contribuirá a expandir as imaxes da cidade no ámbito internacional.